Slow Galicia - Xantar de Vagar


As cidades de hoxe en día cada vez parécense máis entre elas: están perdendo a súa personalidade e identidade, estanse homoxeneizando. Ritmo frenético, bloques de edificios idénticos, pérdida do contacto coa natureza ...

Caracol que representa a filosofía Slow
O movemento Slow nace na Praza de España de Roma (Italia) no 1986 cando Carlo Petrini, crítico enólogo natural de Bra, se indignou ao ver como querían abrir un McDonald’s nas escaleiras de tan emblemático lugar. Funda “Slow Food” como contrapunto á fast food e reivindica as vantaxes dunha vida pausada, comezando pola mellora da calidade dos alimentos e a defensa da biodiversidade entre outros. O 15 de outubro daquel ano Carlo Petrini e os alcaldes de Bra, Greve in Chianti, Positano e Orvieto firmaron a acta constitutiva da fundación deste movemento que suma xa máis de 100.000 membros en 132 países.


E, por que se chama Slow Food?

É unha forma irónica de dicir non á fast-food. Slow Food significa vivir sen presas, comezando pola mesa.

Por que o símbolo do caracol?

Escolleuse o caracol pola súa lentitude tanto ao desprazarse coma ao comer. Tamén é unha especialidade culinaria da zona de Bra (Italia), berce do movemento Slow Food.


En Galicia, o representante do convivium chámase Xesús Trillo, xerente do establecemento de turismo rural Casa Trillo na localidade de Muxía. Aquí foi onde comezou a forxarse a asociación slow galega e onde se presentou por primeira vez o 18 de novembro de 2010. Denomínanse “Xantar de Vagar”.

Comedor Casa Trillo
Entre as iniciativas que levan a cabo está a celebración do Terra Madre Day o día 10 de decembro de cada ano. Nesta data as comunidades do alimento e os convivium de Slow Food reúnense en comidas colectivas, festivais da comunidade, protestas, talleres para nenos, visitas ós produtores e moito máis, celebrando as tradicións alimentarias locais e facendo unha desmostración práctica da filosofía de Slow Food sobre os alimentos bos, limpos e xustos para as súas comunidades, para os medios de comunicación e para os políticos locais. 

En Galicia ten lugar en Casa Trillo cunha degustación do porco celta, produto vinculado á Costa da Morte e que forma parte da Arca do Gusto. Asisten políticos, medios de comunicación e persoas afíns a este movemento para conversar e celebrar este día tan importante na filosofía Slow.

Produtos da "Arca do Gusto" en Galicia
(Fonte: Slow Food Galicia)
A Arca do Gusto foi creada no 1996 co propósito de ter un catálogo de produtos alimentarios, describilos e captar a atención do público sobre os mesmos. Proceden de todo o mundo e están estreitamente vinculados ás comunidades e culturas específicas e, desafortunadamente, están en perigo de desaparición. Na nosa comunidade están incorporados tres alimentos: o centolo de Lira, o millo corvo e o anteriormente mencionado porco celta. 










Se queredes descubrir en que consiste o movemento Slow e informarvos sobre o mesmo, non hai mellor lugar que no que se orixinou Slow Galicia, donde a tranquilidade, o contacto ca natureza e a degustación de produtos locais son a nota predominante.

0 comentarios:

Publicar un comentario