Galizeando pola Ruta da Camelia


Aproveitando que a primaveira está xa tan preto, hoxe propóñovos unha ruta por aqueles lugares que albergan os xardíns con camelias máis importantes e como non, máis fermosos. Comezamos pola súa orixe e por algúns tecnicismos, para aqueles que son un pouco máis entendidos e que están máis interesados no tema botánico. 

A camelia, aínda que é unha especie orixinaria de Xapón e China, atopou aquí en Galicia hai xa 300 anos, un lugar ideal debido ás nosas condicións climáticas e á fertilidade do solo. Agrupa ata 250 especies pero a máis común é a Camelia Xapónica por ser básicamente a que máis se usa. E por se non o sabíades, das follas da Camellia Sinensis obtense o té e ademáis é unha pranta moi empregada na medicina China.



Outras curiosidades:

- O xesuita Georg Josephus Kamel (coñecido por Camellus), foi quen a trouxo a Europa. De el o seu nome.

- É a flor máis antiga da que se ten noticia.
- Foi introducida polos portugueses en Galicia a finais do século XVII.
- Algúns din que a máis antiga das camelias en Europa está en Dresde (Alemaña).
- A Ruta da Camelia contén máis de 8.000 especies de camelias.

Seguimos ca Ruta da Camelia por Galicia:

1. Comezamos en Santiago de Compostela. Aquí podemos contemplar exemplares de camelios na Alameda (pódense ver nada máis entrando por Porta Faxeira) e no Pazo de San Lourenzo, onde existen mostras de camelia do século XIX.

2. Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Parroquia de Santa Cruz de Ribadulla-Vedra). Os seus xardíns están considerados dos máis espectaculares da nosa comunidade. Hai exemplares xigantes de camelios e paseos enteiros formados por estas árbores coma o chamado a "Carreira das noivas". A modo de curiosidade: un exemplar do seu carreiro de oliveiras, datados ao redor de 1525, gañou o Premio AEMO 2015 á «Mellor oliveira monumental de España" e, ademais, dito paseo saltou fai un tempo á pantalla ao servir de escenario ao videoclip que Alejandro Sanz rodou en Galicia. A gravación, titulada, Un zombie á intemperie, aínda que se filmou no seu maior parte no mosteiro de Oseira, conclúe neste maxestuoso paseo de Vedra.
"Carreiro de oliveiras". Fonte: Galiciangarden.com
3. Pazo de Oca (Parroquia de Oca - A Estrada) ou o "Versalles Galego" como tamén é coñecido. Nos seus xardíns destaca un camelio da especie Camellia reticulata de 12 metros de alto así coma unha longuísima fileira de camelios brancos na parte oeste dos mesmos. Os horarios son de 9 a 18.30 horas en inverno (nov-mar) e de 9 a 20.30 no verán (abr-oct). O prezo por persoa é de 6 euros, un pouco caro na miña opinión persoal. Eso sí, ide con tempo porque son ben grandes.


4. Pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa). Pazo de cinco séculos de antigüidade. Se solicitas cita previamente, o persoal do pazo farache de guía e explicarache, entre outras cousas, a elaboración de aceites esenciais de camelia. Estes aceites logo son empregados polas monxas do Mosteiro de Armenteira para a elaboración de xabóns artesanais .

5. Pazo Quinteiro da Cruz (Parroquia de Lois - Ribadumia). Recibiu varias veces o galardón "Camelia de Ouro". O seu xardín foi premio Botánico 2014, ten máis de 600 especies de árbores e arbustos dos 5 continentes e unha das maiores coleccións do mundo de camelias: máis de 5.000 árbores dunhas 2.000 variedades diferentes, de máis de 72 especies. Ademais, acolle os días 25 e 26 de marzo a I Xornada Internacional da Camelia, unha iniciativa que, baixo o lema "Ven a comer a camelia con Iñaki Bretal nos fogóns de Quinteiro da Cruz", desenvolveranse ata 5 experiencias nas que se fundirá a camelia, a ruta do viño e a gastronomía a través dos xardíns e viñedos deste espectacular pazo.
Pazo Quinteiro da Cruz. Fonte: pazoquinteirodacruz.es
6. Pazo de A Saleta (Meis). Posúe un xardín de tipo inglés que, ó igual que o Pazo de Rubiáns, tamén se pode visitar con cita previa.

7. Castelo de Soutomaior (Soutomaior). Castelo medieval do século XII. Os seus xardíns foron os primeiros de España en acadar o honor de "Xardín de Excelencia Internacional" no Congreso Internacional da Camelia (China, 2012). A modo decuriosidade: nel poderemos ver o camelio máis ancho de Galicia con un diámetro de copa de 17 metros.

8. Pazo de Mariñán (Lugar de Mariñán - Bergondo). Xardín de estilo francés con orixe no século XV. Pertence á Deputación da Coruña e coñécese popularmente como "Pazo de Láncara" por ser este o seu último dono.

9. Pazo de Lourizán (Lugar de Herbalonga - Parroquia de Santo André de Lourizán). Pazo de aire romántico e elegante ó cal se accede por unha escaleira de corte imperial. As súas terras organízanse en avenidas: a das Camelias, a dos Eucaliptos e a da Gruta dos Espellos.

Pazo de Lourizán - Fonte: canalturismo.wordpress.com
10. Parque de O Castro (Vigo). Lugar ideal para disfrutar da natureza e da beleza da ría de Vigo debido á súa situación privilexiada no monte de O Castro. 

11. Pazo-Museo Quiñones de León (Vigo). Ubicado no Pazo de Castrelos nel pódese contemplar unha importante colección de pintura galega e unha sección de arqueoloxía. Os seus xardíns din que se asemellan á aqueles da Francia barroca.

12. Casa-Museo de Rosalía de Castro (Padrón). Aquí as camelias están nun pequeno xardín a diferencia dos Pazos e Alamedas dos que xa falei. Pero esto non desmerece para nada o visitar estas flores que inspiraron á poetisa na confección dos seus versos. E aproveitando que recentemente se cumpriron 180 anos do seu nacemento, rematamos este artigo co anaco dun poema da nosa poetisa máis internacional.



¡Cantas frores silvestres nos valados,
que festós e que encaixes
primorosos de musgos e verdura;
que colorido, que follax nos árbores
mentras as brisas mansamente corren,
coma alento dos ánxeles!