As sombras do Camiño

A continuación veredes un post escrito pola miña amiga Jéssica Moreno (México) sobre a súa andaina no Camiño de Santiago. Considero que é moi interesante coñecer as diferentes perspectivas e motivacións que levan ás persoas de todas partes do mundo a vivir esta singular experiencia, así coma a forma na que o sinten e contan unha vez rematado. Aquí volo deixo.

"Hoxe, despois dun día de ter concluído esta aventura, sentada na Praza do Obradoiro, escoitando as gaitas, o ruído dos peregrinos que chegan, rin, choran, gozan, porque si, é un gozo, retarte, superarte, esixirte, pero sobre todo, encontrarte.

As emocións son distintas ás de onte; hoxe boto de menos andar, sento a falta do ruído dos pasos no sendeiro, de pronunciar e escoitar esas dúas palabras que nun principio pronunciei sen entender o significado, porque ¨buen camino¨ é máis que só iso, é unha reverencia por compartir un traxecto e é un desexo sincero de camiños futuros, a cada persoa, a cada instante, porque o camiño é de encontros e despedidas, é un fío condutor que se une ao final de cada etapa, na meta, que pon ante ti historias, persoas, momentos, que cobran sentido e entendes os porqués.

Unha analoxía da vida, vívelo por etapas, con subidas e baixadas, custa chegar ao cume, pero non tarda moito e o descenso é aínda máis doloroso, difícil, pero sempre encontras un apoio, un algo, un alguén, unha palabra de alento, unha conversación que che axude a continuar.

Porque o camiño nos dá e nos permite ser verdadeiros compañeiros de viaxe. Aprendes que a un paso lle segue outro, que cada paso é distinto ao anterior, ao dos outros peregrinos, porque aínda que sigan o mesmo traxecto e pisan o mesmo chan, percórrense camiños diferentes, notas e buscas cambios, e pregúntaste: Que camiño sigo? Quen quero ser? E empezas a encontrarte, a entenderte e tal vez a perdoarte.

Sen decatarte, o camiño decide cando entras nel. Percibes sensacións, esa enerxía e emoción indescritible, porque o camiño fálate, escóitate, acóllete, vaite guiando é cauteloso, impredicible, constante e imparable.

Ensínache que un minuto é máis curto pola mañá que ao finalizar o día, que non todos os quilómetros son iguais, pero que o tempo e a distancia son o mesmo cando pensas dende onde te encontras e ata onde podes chegar. Que a dor so se quita con dor; segues adiante esperando que se canse antes que ti ou que se substitúa por outra cousa, porque na vida, a pesar do que doe aprender a camiñar, a avanzar e ás veces parar, o importante é seguir adiante sempre.

Canto estas disposto a seguir cargando? Cantas cousas queres deixar ir? Queres saber o peso das túas decisións? Faino e descúbreo. Emprende esa aventura, por curiosidade, por necesidade ou simplemente para encontrar esa razón que che leva a seguir camiñando, xa non como un paseo cotián, se non como unha experiencia diferente, unha, que sen dúbida che digo que será das mellores nesta etapa. 

Isto é como unha canastra básica: leite-ovo-terapia, e se fas o camiño, será a mellor terapia. Coñeceraste, entenderaste, chorarás, esforzaraste e ó mellor gozarás como poucas veces o tes feito, rindo, coñecendo e avanzando. Así que, peregrino en potencia, non me queda máis que dicirche, ¨Bo Camiño¨ ".