Lugares ideais para experimentar a autenticidade dunha aldea galega


Sen dúbida, un lugar ideal para perderse na natureza, desconectar do mundo e experimentar a autenticidade dunha aldea galega, é Imo. Terra de meus avós e de meu pai, é un pequeno recuncho agochado nun lugar de Galicia moi preto da desembocadura do río Ulla. De seguro que te estarás preguntando, e que se pode atopar un aquí? A continuación a miña resposta.

Imo conta con un conxunto de once hórreos de terra do tipo Noia datados do século XVIII e declarados Ben de Interese Cultural (BIC). Esta concentración tan orixinal coñécese co nome de os Hórreos da Lavandeira e atópanse na Eira de Abaixo. Están restaurados e representan un dos conxuntos máis importantes que temos hoxe en día en Galicia.  O lugar no que están ubicados ven sendo o campo da festa da localidade dende que eu teño memoria; un bonito marco para unha celebración que ten lugar o primeiro domingo de setembro en honra de San Roque e da Virxe das Dores. 
Hórreos da Lavandeira
A súa outra festa é a Romaría da Cruz do Abelán a principios de Xuño,  ao lado do mesmo cruceiro. Situado no cruce de camiños de Teaio, A Devesa e Imo, data do ano 1672. É o cruceiro máis antigo de toda Galicia.

Existe outra concentración de hórreos, pero estes estan en peores condicións. O lugar no que se atopan, chámase a Eira de Arriba. 
Grupo de Hórreos da Eira de Arriba

Imo conta con unhas carrilleiras polas que perderse que non deixarán de sorprenderche a cada paso que das. Dende hórreos, fontes ata casas antigas polas que o tempo parece non pasar, en algúns casos, ou non perdoou, en outros. E o mellor de todo é que mentres un pasea soamente se oe, ou ben o murmullo da auga se estás preto dunha das cinco fontes que existen no lugar (cada unha co seu nome: fonte de Resúa, fonte de Ministro, fonte de Rita, fonte de Victorio e fonte de Cebolarivas), ou ben os paxaros cantando nun ton moi agradable e baixiño que te vai acompañando durante todo o camiño.


Conta con unhas vistas espectaculares do río Ulla que consiguen hipnotizar ata ó máis escéptico. Tamén ten camiños entre a natureza onde a un lle gusta perderse de vez en cando e onde a man do home aínda non se deixou sentir.

Se eres fan do "Turismo de Vagar" ou "Turismo Slow", gozar da autenticidade de Galicia, estar en contacto coa natureza e deixar atrás o ritmo frenético que caracteriza o teu día a día, anota este lugar na túa axenda.


Galizeando entre o lusco e o fusco

Como ben dicía un slogan de Turismo de Galicia: "Quero descansar, quero sol, quero mar, quero un atardecer ..." Neste post sobran as palabras, así que vos deixarei cos 7 solpores máis espectaculares cos que me atopei dende que comecei con esta aventura de Galizeando. Espero que vos gusten tanto como a min. 



A Coruña
O Barbanza
Cabo de Cruz
Alameda de Compostela
Torre de Hércules
Alameda de Compostela
Campus Sur de Santiago de Compostela