8 Rincóns en Galicia ideais para desconectar


As cidades de hoxe en día cada vez parécense máis entre elas: están perdendo a súa personalidade e identidade, estanse homoxeneizando. Ritmo frenético, bloques de edificios idénticos, pérdida do contacto coa natureza ... Neste contexto xurde en Italia un novo movemento que promove unha vida máis plena, desacelerada e auténtica. Estamos falando do movemento Slow.

Galicia é un lugar cun enorme potencial Slow (palabras do Secretario Internacional de Slow Food, Paolo Di Croce, na súa última visita a Vimianzo) e por elo, moita xente que busca desconectar do estrés da súa vida e relaxarse, viaxa á nosa terra. A continuación amosareivos aqueles rincóns que algúns dos compañeiros de Galicia TB, entre eles eu, usan para desconectar da súa vida cotiá e tomarse un tempo para achegarse a si mesmos. Ingredientes principais: as súas paisaxes e o contacto coa natureza. Comezamos!!


1. "Cabo Norte". 

Tanto o interior coma a costa galega ten milleiros de lugares para desconectar e gozar da calma e paisaxes desta terra tan especial. Un dos meus favoritos son as praias máis solitarias do concello de Porto do Son onde, mesmo en pleno verán, podes pasear por elas en soidade mentres ves unha fermosa posta de sol.



Autor: CaboNorte Blog


2. "Maruxaina y su mochila".

Non teño que pensar moito; o meu lugar para desconectar do mundo está aquí preto. Elixo as Illas Cíes como lugar slow, pero ollo, non falamos dos meses de verán nos que apenas é posible conseguir un pouco de relax. Ir a pasar unha fin de semana en marzo por exemplo, cando as praias están baleiras, non hai gritos, tampouco xente facendo selfies nin barcos cheos de sombrillas e bolsas cada hora.



Poder subir ó faro sen cruzarte con ninguén, ver animaliños varios e disfrutar do silencio interrumpido polas malignas gaivotas que agardan os seus botíns de tempada. Espertar nun camping deserto, ver como as túas son as únicas pegadas na area e sentirte coma se foses o único habitante.

Este é o meu paraíso, a miña visita anual de desconexión total, sen móbil nin nada enchufable, unha pequena mochila, un bo libro e pouco máis. Nas Cíes non precisas nada, o entorno ofréceche de todo.

Autora: Maruxaina y su mochila


3. Millán Dasairas.

Os Cañóns do Sil son xa en si mesmos un destino excelente en Galicia para gozar pausadamente das súas paisaxes, mosteiros e miradoiros acompañados unicamente da tranquilidade que só a natureza pode proporcionar.

De entre todos os lugares que coñezo da zona, o que máis me impresionou é a pasarela do río Mao, que transcorre paralela ao devandito río. A pasarela é unha autentica pasada xa que hai puntos nos que se eleva varios metros sobre o río deixando unhas vistas xeniais e non adoita estar moi concorrida polo que se pode gozar da tranquilidade dun paseo por ela. Moi recomendable sobre todo en primavera ou en outono.


Autor:  Millán Dasairas


4. "Deambulando con Artabria".

Trátase do Seixo Branco, unha zona de acantilados en Mera, no concello de Oleiros e dende onde se divisa a cidade da Coruña. É un sitio especial, rodeado de verde e de mar. Hai varias rutas de senderismo nesa zona e poderás desconectar totalmente. Tamén quedan restos dunhas baterías militares, pero tede coidado coas furnas, que para que non o saiba, son covas marinas que "nacen" grazas a erosión do mar.



5. "Viaxando en Furgo".

Area recreativa de San Xoan, Guitiriz. Como chegar? Dende Guitiriz toma a estrada en dirección a Os Vilares, e a 2,5 km colle unha pista á esquerda. Transcorridos 5 km atopámonos co lugar. Accesibilidade: peonil, en coche e en autobús.

Área de recreo que ocupa unha superficie de 1,2 ha, situada á beira dun encoro (que abastece de auga a vila de Guitiriz) e no medio dun frondoso piñeiral salpicado con vexetación autóctona.


Á esquerda encontrámonos co pantano, bordeado por unha pista que leva xusto ata a área de descanso suficientemente equipada para comer ao aire libre e gozar do descanso, cun refuxio de pedra de boas dimensións e unha fonte construída en pedra de cantería dun só cano en 1985.

Para nós é un lugar moi especial, pois imos 4 veces ao ano para ensinar ao noso peque as diferentes estacións e como afecta á natureza.

6. "Tales of a Wanderer".

A Praia do Rostro, unha magnífica praia preto de Fisterra na que se pode pasear, surfear, e mesmo voar o papaventos nun dos moitos días nos que os ventos do Océano Atlántico golpean as súas dunas. O mellor: non adoita estar moi concorrida.



Autor: Tales of a wanderer 


7. "Enfoca Galicia".

Un lugar en Galicia...? Unha dura decisión. Pero pódovos recomendar un lugar para unha noite despexada. Ese lugar é o Faro do Roncudo. Se durante o día impresiona, e máis durante os temporais de inverno, é un lugar "tranquilo" durante as noites de verán.

É un punto moi especial en Galicia, non só por aparcar o coche e a simple vista alzar a mirada e encontrarse coa vía láctea, senón porque esa zona na costa representa en Galicia que moitas persoas durante centos de anos deixaron a súa vida no mar pasando por estas costas embravecidas. Sentarse, gozar do son do vento contra a costa ... e recordar as persoas que viven para sempre baixo o faro.



Autor: Enfoca Galicia 


8. Galizeando.

E por último, tócame a min contarvos o meu rincón slow para a desconexión, aquí vai!! Cando necesito desestresarme un pouco voume a un lugar moi pequeno perdido na Ría de Arousa chamado o Areoso. Pero ó igual que Maruxaina, e dado que no verán se enche de xente, fágoo "fora de tempada", cando non hai ninguén. É un lugar tremendamente tranquilo e aislado que asemella unha duna xurdida do mar. A claridade e transparencia das súas augas invitan a sumerxirse nas mesmas. Un quédase encandilado observando os seus fondos mariños e a súa area branca e fina que non ten nada que envidiar aos máis famosos destinos turísticos. Como non se pode relaxar un con este panorama??




Cal é o teu rincón Slow en Galicia??

4 comentarios:

  1. Moi boas. Veño de descubrir o voso blog e alégrome moito de atopar xente viaxeira que conta o que ve como galego e en galego. Deixovos o meu por se fora do voso interese. Ten un ano de vida e está comenzado a dar os seus primeiros pasos.
    Unha aperta.
    https://cidadanmundo.wordpress.com

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Graciñas!! Moita sorte co teu :)

      Eliminar
  2. O meu rincon Slow en Galiza... la Comarca de Ortegal y UltreiaRural (www.ultreiarural.com)
    Gracias por este post!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Graciñas a ti polo teu comentario :)

      Eliminar