Abuín, a aldea maldita


Antes de nada vos preguntaredes, onde queda Abuín?? Pois é un lugar da parroquia de Leiro, en Rianxo, no cal viven 110 habitantes, dos cales 49 son homes e 61 son mulleres. Aproveitando que chega o Samaín, contareivos de que fala esta lenda, a cal é responsable de que aínda a día de hoxe, a xente non se atreva a pasar por este lugar.

O primeiro asentamento de Abuín, comezou a despoboarse nos séculos XIV-XVI, posiblemente porque morreran a maioría dos seus moradores por causa dalgunha epidemia de peste bubónica. A pesar disto, chegaron ata hoxe distintas lendas que outorgan o abandono de dito emprazamento ós ataques dos viquingos, teoría pouco probable, ou a unha maldición por causa do tesouro que os veciños roubaran no mosteiro da Armenteira e que despois lle deron ó cura para que o escondese. 

Mosteiro de Armenteira - Meis

O cura morreu esa noite e, pouco despois, foron detrás numerosos veciños. Aínda que intentaron recupera-lo tesouro para devolvelo ó mosteiro, e así librarse da maldición, pero nunca máis foi localizado, e os poucos que sobreviviron, decidiron fuxir do lugar. Desta historia procede o nome popular de "Aldea maldita".

Ruinas da aldea maldita
Castelao recolleu esta lenda nunha das súas Cousas, baixo o título de "Camiño esquecido", como unha historia que lle contara a súa avoa. Tamén está inspirada nesta lenda a novela O alento nas costas, de Natalia Carou. Aquí vos deixo un anaco da historia contada polo escritor de Rianxo:


... "Cando volvín á casa escoitei de miña avoa a hestoria da aldea esquecida.
— Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro de Armenteira.

» Agardando o intre do reparto da riqueza, o capitán enterrouna en sitio segredo; mais ó seguinte día o capitán apareceu morto no seu leito e nunca máis se soupo do tesouro.

» Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas, merábanse os froitos, morrían entangarañados os rapaces, secábanse as fontes. Para escorrenta-lo mal fado ergueron cruceiros a eito.


» De nada valeu nada. No remate sóupose todo e aínda hoxe o lugar está illado das xentes de ben".


0 comments:

Publicar un comentario