Recunchos da outra Compostela

Cando un pensa en Santiago de Compostela, o primeiro que lle ven á cabeza é a Catedral, o Obradoiro, o Franco ... en xeral, o casco histórico da cidade. E non é para menos, que somos Patrimonio da Humanidade!! Pero neste post quero compartir con todos vós algúns lugares da zona nova, sobre todo da zona coñecida coma o Ensanche, que na miña humilde opinión, merece tamén a pena, nuns casos pola historia que gardan detrás, noutros pola súa orixinalidade. Preparados? Comezamos!!

1. Por sorprendente: este xardín interior na rúa García Prieto. De casualidade un día xirei a cabeza e vin esta marabilla agachada ó carón dun dos edificios. A verdade é que merece especial mención nestes recunchos.

 2. Pola súa orixinalidade: Obelisco do Campus Sur. Elaborado en aceiro corten e feito por Ignacio Basallo. Na outra fotografía, e xusto ao carón de dita estatua, temos os edificios-vela deseñados polo arquitecto César Coll. Un pouco de modernidade para aqueles que nos gusta ver algo diferente de vez en cando. E non nos olvidemos dos amantes da arquitectura. 


3. Pola súa conservación: Casa de Europa. É unha residencia universitaria destinada ao aloxamento de profesores invitados e visitantes procedentes doutras universidades do mundo que acoden a Santiago de Compostela. A Finca Simeón (máis coñecida como Finca Vista Alegre) pertenceu a unha importante familia de banqueiros da cidade co mesmo nome. Os seus 36.000 metros cadrados recollen toda clase de especies arbóreas coma laranxeiras, maceiras, camelias, cipreses, palmeiras, aciñeiras, araucarias, salgueiros e unha fermosa carballeira. Para os amantes dos paseos, conta con itinerarios peonís e pódese percorrelo en bicicleta.


4. Pola súa importancia: Antiga Estación de Cornes - Hoxe Casa das Asociacións. Sita na Rúa Manuel Beiras, moitos pasabamos por aquí descoñecendo a orixe deste emplazamento. Resulta que aquí estaba a antiga estación de tren de Compostela. A súa historia comeza o día 15 de setembro de 1873 cando se inaugura a primeira liña ferroviaria de Galicia: Cornes-Carril (un traxecto de apenas 42 quilómetros) construída por The West Galicia Railway Company, empresa británica cuxo primeiro xerente foi Camilo Bertorini. Curiosamente este era bisavó materno de Camilo José Cela. O 14 de abril de 1943, RENFE pechou a estación de Cornes e abriu o actual edificio na rúa do Hórreo. Hoxe en día, entre outras cousas, os servizos que ofrece son: fondo biblio-vídeo-gráfico, zona de estudo, lectura e prensa, zona wi-fi, salas de reunións e salóns multiusos.

5. Pola súa situación: Parque de Eugenio Granell (ou do Paxonal). Un dos meus lugares preferidos da cidade, tanto para pasear como para facer algo de exercicio. Atópase na zona de Ponte Pedriña, moi preto do Hipercor e, polo tanto, lonxe do centro da cidade. Apto para aqueles que queiran desconectar un pouco, entre outras cousas, do ruído das obras e como non, do dos coches. Estos días podemos disfrutar dunhas estatuas moi singulares e orixinais feitas pola escola de canteiros de Poio e que se atopan ó longo da senda peonil do Sar, da cal forma parte este lugar. 

Fonte: Santiago Turismo

6. Polo seu luxo e atractivo: A Rosaleda (Rúa da Rosa). Zona residencial proxectada por Jenaro de la Fuente dentro da expansión do Ensanche coma unha especie de cidade xardín (cada casa ten unha zona verde). Un non pode evitar cotillear cando pasa polos impresionantes chalés que forman parte da mesma. Pertencen a familias moi coñecidas de Santiago que viven nelas. Ningún está á venda (que se saiba). Para os máis curiosos, hai 24 chalés independentes e media ducia de pareados. E a modo de curiosidade: todos datan dos anos corenta e os promotores foron Jesús M. Balboa e o histórico galeguista Manuel Beiras, pai do BNG, que acabou residindo aquí.


7. Pola súa arquitectura de tipo rexionalista: Tenencia do Hórreo (actualmente rúa de López Ferreiro). Parte do Ensanche Antigo, está formado por corenta chalés encostados situados entre as rúas de Curros Enríquez, López Ferreiro e Eduardo Pondal, e deseñados polo arquitecto Rodríguez Losada en 1929. Tenencia do Hórreo é o nome co que se coñeceu a esta rúa desde a Idade Media ata que decidiron poñerlle López Ferreiro, que é como se chama hoxe. Unha cooperativa construeu ó final desta rúa, unhas vivendas chamadas "casas baratas". A verdade é que lle dan un sentido á arquitectura da zona outorgándolle certa homoxeneidade.


8.  Pola súa repercusión mediática: Edificio Modernista, na rúa do Pombal 32. Este espertou o interés de Iker Jiménez, o presentador de Cuarto Milenio, o cal tratou de averiguar a historia que escondía dito lugar asegurando tamén que estaba embruxado. É un dos edificios máis olvidados de Compostela sin lugar a dúbida. A casa foi construída no ano 1917 polo arquitecto Jesús López de Rego para o promotor e escultor compostelán López Pedre. Fai anos foi comprada por un matrimonio maior, os cales din que "tódolos días veñen unhas quince ou vinte persoas a facerlle unha foto". 


9. Pola súa repercusión histórica: Castelo da Rocha Forte ou dos Churruchaos. Sito en Conxo, foi o escenario de destacados feitos da historia Compostelana e un símbolo do poder señorial do arcebispo de Santiago e a opresión exercida sobre os habitantes das terras pertencentes ao señorío. Gran parte do xacemento foi destruído na construcción da vía do ferrocarril, a cal o atravesa hoxe en día. Construído no ano 1240, a Rocha convírtese no século XV nun edificio odiado e temido polos labradores da zona. 
Arriba, restos da fortaleza. Abaixo, posible reconstrucción. Fonte: Wikipedia

Durante as décadas de 1450 e 1460, os soldados do arcebispo, agrupados no destacamento da Rocha, roubaban o gando, secuestraban labradores e violaban mulleres. As denuncias quedaron rexistradas para o futuro no Libro do Concello de Santiago. No ano 1467 destrúese definitivamente con ocasión da Gran revolta irmandiña iniciada no ano 1466. 
                                                                                                                      
10. Pola lenda que agochan: As Casas de Ramírez. Son unha serie de edificacións para obreiros levantadas nos anos 40-50 construídas en terreos agrícolas ás aforas de Santiago. Pero o interese polas mesmas, está na tráxica historia que hai detrás. "O 25 de abril de 1718, o estudante de artes Manuel Joseph Ramírez de Arellano e Sotomayor, de familia adiñeirada e apelidos compostos,  camiña na madrugada por un escampado na zona coñecida como Agros da Carreira, unha zona de labradío que non queda de paso a ningunha parte. 
Agros da Carreira. Fonte: Memorias de Compostela
No lugar onde hoxe se levanta a igrexa de San Fernando, fronte ao antigo Peleteiro, Ramírez detense preocupado. Manuel mira con desconfianza aos lados, medorento de que o estean observando. Por fin, o estudante divisa entre a néboa formas humanas que aumentan de tamaño segundo se achegan. A luz da lúa reflíctese no fío do puñal segundos antes de que o aceiro lle atravesase o peito ao estudante, que cae de xeonllos, ensartado e desconcertado. O sangue de Ramírez abona a terra que pisa"

Casas de Ramírez, moi preto da Praza Roxa
Dona Isabel de Sotomayor chorará amargamente o resto da súa vida ao seu fillo e encargará a un dos mellores canteiros, que levante un cruceiro no mesmo punto onde o seu fillo atopou a morte. E onde está hoxe o verdadeiro cruceiro? Pois lonxe de alí. Exactamente, na praza de San Fiz de Solovio, fronte ao pub A Radio. Fai pouco, Agros de Ramírez recuperou un cruceiro copia do orixinal, feito en cemento e pagado polos veciños.
A primeira fotografía corresponde ó cruceiro orixinal, ó caron de Xeografía. A segunda é a réplica en cemento, moi preto da Praza Roxa.


Por último, quería dedicar este post ó meu fillo Nicolás que, recentemente, chegou á nosa vida converténdose, dende ese momento, no noso compañeiro de viaxe.

0 comments:

Publicar un comentario