O Parque do Pasatempo (Betanzos)


Hoxe vouvos falar do Parque do Pasatempo, lugar que tiven o pracer de descubrir este sábado pasado en compaña do meu mozo Víctor Bouzas e uns amigos ós que lle quero adicar dito post. Eles son: Horacio García, Natalia Bouso, Alba Rey, Jorge Vicente, Alba Fernández e a pequena Martina.

É un parque construído inicialmente en 1893 e concluído en 1914 a instancias do benfeitor e emigrante brigantino Juan García Naveira. Foi unha iniciativa novidosa e única no seu xénero, precursora dos actuais parque temáticos. Un auténtico parque enciclopédico ao servizo da ilustración do pobo de Betanzos e os seus visitantes e que figuraban nas guías de viaxe da súa época.




A parte baixa estaba custodiada por dous grandes leóns, hoxe desaparecidos, como boa parte dos elementos desta zona. Nestes xardíns, cun labirinto vexetal, un invernadoiro, numerosas fontes, estanques e estatuas, erixíase unha estatua dos propios irmáns, hoxe na praza principal de Betanzos.



Na parte alta as estruturas distribuíanse en cinco niveis aos que se chegaba a través de escalinatas e pasos subterráneos imitando grutas prehistóricas, nas que aínda se conservan as figuras de dous dinosauros. No nivel inferior construíuse o Estanque do retiro, cunha illa central na que había dúas estatuas imitando figuras romanas. Nas paredes do estanque, completamente decoradas con cunchas de distintos moluscos, hai relevos representando un globo aerostático e unha especie de máquina de tren. Nun dos muros que separan un nivel doutro esculpíronse relevos de gran tamaño representando unha viaxe a Exipto, coa pirámide de Keops, a muralla chinesa e a Canle de Panamá. No centro desta parede ábrese a boca dunhas grutas polas que se ascende ao nivel superior, cunha ampla terraza-miradoiro no que é necesario destacar un enorme león.
Pero, quenes eran os irmáns García Naveira?

Fillos de humildes traballadores, os dous irmáns desembarcaron en Bos Aires sobre o 1870. Dise que o seu primeiro oficio consistía en transportar víveres e mercadorías ao interior da provincia de Bos Aires. Subministradores dos almacéns de ramos xerais que surtían de roupa, botas, ponchos, guitarras e ferramentas de traballo aos colonos do campo arxentino.

En 1875 nace García Hermanos e Compañía, firma que abastecía de artigos de importación aos almacéns que ían xermolando a medida que os colonos expandían a fronteira de territorio arxentino. Non dubidaron, en canto lles sorriu a fortuna, de investila na súa terra natal, Betanzos.

En 1899 emprenden unha viaxe por Francia, Suíza e Italia. Os lugares visitados e as obras de arte contempladas remataron dunha forma ou outra no Parque do Pasatempo, a cuxa construción dedicou Juan García Naveira media vida: os corenta ano transcorridos dende o seu regreso de Arxentina en 1893 ata a súa morte en 1933. Nel chegaron a traballar uns 200 obreiros. Juan García Naveira dirixía os traballos a pé de obra e a súa filla Águeda realizaba parte dos debuxos que se necesitaban.



Na Guerra Civil dedicouse a campo de concentración para prisioneiros republicanos. Na posguerra quedou abandonado e foi obxecto de roubos e actos vandálicos. Nos anos 40 construíuse unha estrada que atravesaba o parque, deixando a un lado os xardíns e ao outro as edificacións do Pasatempo. Logo foi reconvertido en hortas e depósito de lixo. Non foi ata 1986 cando o Concello o comprou para intentar a súa reconstrución e hai pouco se iniciaron as obras de restauración e rehabilitación. Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) e Xardín Histórico no 1981.

Outro artigo para reflexionar sobre a conservación do noso patrimonio. Como é posible que algo así chegue a este estado?

0 comments:

Publicar un comentario