Cemiterio de San Amaro - A Coruña


Galizeando no Cemiterio de San Amaro: unha visita ao camposanto da Coruña. 

Agora que se achega o día de Todos os Santos e a tradición de visitar aos defuntos, nós fumos visitar o cemiterio da Coruña. Tratándose dun cemiterio que mira ao mar, tiña que levar o nome dun santo navegante, San Amaro. Inaugurado en 1813, un paseo polo seu recinto é tamén un paseo pola historia e a arte funeraria de Galicia.

"Paseo central do cemiterio"
A visita ao cemiterio da Coruña comeza ao cruzar a portada dórica da súa entrada, pola zona relixiosa, que é tamén a de maior extensión. Nos seus panteóns e sepulturas podemos contemplar auténticas xoias da escultura neoclásica, modernista ou gótica. Pero tamén asomarnos á historia de Galicia, xa que é un dos camposantos que reúne máis personaxes históricas destacados con escritores como Eduardo Pondal, Curros Enríquez ou Wenceslao Fernández Flórez, políticos como Manuel Murguía ou Alfonso Molina, pintores como Luis Seoane...

Á esquerda do cemiterio relixioso atópase o cemiterio civil, que tamén ten acceso propio dende o exterior. Entre as curiosidades que alberga está o Monumento aos Mártires pola Liberdade, situado no lugar onde antes descansaban os restos de soldados alemáns da II Guerra Mundial, ou a tumba da personaxe que inspirou a Manuel Rivas a súa famosa novela “O lápis do carpinteiro”.

A ruta remata ante a porta do Cemiterio Británico, pechado ao público. Construido en 1867 polo cónsul británico en Galicia para soterrar cónsules, mariños e cidadáns británicos, pero tamén doutras nacionalidades como franceses, alemáns o suizos.


O cemiterio coruñés está incluido na Association of Significant Cementeries in Europa (ASCE), unha rede de cemiterios singulares, e na Rede Europea de Cemiterios, xa que é un dos poucos cemiterios mariños do mundo.

Ante o éxito do turismo necrológico ou turismo de cemiterios, desde Turismo da Coruña crearon unha visita tematizada polos 200 anos de historia do recinto. Guiada pola “ánima en pena” Fiz de Cotovelo, ten lugar todos os sábados e convírtese en nocturna dúas veces ao mes. En canto poidamos escapamos a unha desas visitas nocturnas ao cementerio de San Amaro!

Autora: Lucía Cruz