Galizeando en familia. Un paseo pola Costa da Morte.

Este domingo tocou galizear en familia pola Costa da Morte, unha viaxe que facía tempo que nos apetecía facer pero que tivemos que pospoñer ata que Nicolás fora un pouquiño máis grande. Así que, alá nos fomos os tres! Teño que dicir que é unha das partes de Galicia que conta cunhas das paisaxes máis espectaculares, así que foi un día moi intenso no que non deixabamos de visitar lugares. En conclusión, moito para o pequecho que se nos acabou mareando. A próxima vez menos coche e máis andar, aínda que para iso teremos que esperar algo máis.


Saímos (non moi cedo) pola mañá cara a Muxía, a 1h e 10 min. aprox. de Santiago de Compostela. Alí queríamos comer e visitar o famoso santuario da Virxe da Barca. Cando se ten un neno pequeno un xa non pensa en ir ao mellor restaurante, ao máis barato ou ao máis bonito. Nós soamente queríamos o máis tranquilo, é dicir, que non houbera moita xente para que nos puideran atender ben, e tamén porque con un bebé un non pode botar nel todo o tempo do mundo. Así que entramos no Pedra D´Abalar (un dos primeiros que nos atopamos despois de aparcar) e foi todo un acerto, xa que máis tranquilos e mellor atendidos non puidemos estar. Logo tocou visita ó santuario. Alí puidemos ver o estado no que se atopa actualmente despois daquel raio que casi o destrúe por completo. Moi bo ambiente e moita xente na "Pedra dos Cadrís" a cal é famosa porque se lle atribúen algunhas propiedades curativas. Créese que si se pasa nove veces por debaixo dela, cúranse as enfermidades de riles, de costas e de cabeza.



Dende Muxía víamos o Cabo Vilán e decidimos ir ata alí xa que había soamente un pouco máis de media hora en coche. As vistas tiñan que ser boas, así que non o pensamos moito. De camiño pasamos por Camariñas pero xa non paramos para non perder moito tempo. Unha vez en Cabo Vilán non puiden evitar quedarme sorprendida pola inmensa piscifactoría que se atopa ós pés do mesmo. Quen puido autorizar semexante cousa? Se alguén o sabe por favor, que mo diga. Ademais estamos falando dun espazo dentro da Rede Natura. Logo entereime polo meu marido, que é xeógrafo e desto sabe bastante, que era dunha compañía chamada Stolt Sea Farms e que vertían as súas augas no mar. Dende logo o impacto paisaxístico é tremendamente negativo, e se non mirade a foto.


Cabo Vilán, espectacular!! Podo dicir que das mellores vistas en moito tempo. Un sitio que recomendo que visitedes polo menos unha vez na vida. Se non ollade a fotografía. Cada pouco tempo tiñamos que parar para volver a velo xa que a pouco que te movías, o ángulo cambiaba e a paisaxe era outra.


Despois de visitalo, decidimos continuar ata o Cemiterio dos Ingleses que estaba moi preto, a 25 minutos máis ou menos. Así que alá fomos! Nicolás ía tranquilo, polo que non lle demos máis voltas. Inciso: de camiño atopámonos co mellor banco de Galicia, que digo de Galicia, do mundo jaja. Si é que Galicia váisenos a inundar de bancos con vistas como sigamos así.


Unha vez que chegamos, baixei con moita ilusión posto que era un lugar do que oíra falar moito e apetecíame coñecelo. Para servos sinceira, desilusionoume bastante, non me esperaba o que me atopei. Era soamente un recinto pechado que á súa vez tiña outro recinto tamén pechado dentro, ademais dunha placa conmemorativa. O mellor sen dúbida, o enclave. Sen embargo, o curioso do lugar foi un conxunto de pedras apiladas que se perdían ó lonxe. Se alguén sabe porque están alí, que mo diga porque a verdade é que me quedei un pouco sorprendida.




Durante a ruta, teño que engadir que a Costa da Morte ten unhas praias IMPRESIONANTES (e iso que eu son das Rías Baixas, que outra cousa non teremos alí, pero praias unhas cantas). Está claro que o de que non teñan moita xente e a forte oleaxe axudan a que se manteñan así de ben. Ademais, trátase dun espazo natural protexido. A Enseada do Trece, xa famosa porque nela foi onde naufragou o Serpent no 1890, ten uns areais de infarto.


O neno tiña que merendar así que dirixímonos a Camelle por dous motivos: un, porque estaba preto, e dous, non o coñecíamos. O meu marido falábame dun tal Man, que resulta que era un artista alemán que facía esculturas, e que nunha viaxe a Camelle decidíu quedarse a vivir alí. Din que morreu de pena cando o fuel do Prestige danou as súas obras. Pareceume moi curioso a verdade. 



Na foto vedes a casiña na que vivía (agora xa case derruída) e tamén algunhas das estatuas que fixo. En resume: día longo e estábamos a hora e media de Santiago. Merendamos, visitamos a casa de Man e tiramos millas para a capital posto que o pequecho estaba algo mareado e nós bastante cansados de tanto coche. Conclusión: volveremos! Queda moito por ver e as paisaxes valen a pena. Próximamente máis posts da nosa familia facendo turismo por Galicia.

0 comments:

Publicar un comentario