Galizeando por Cuntis, terra de termas e de maxia


Gracias á asociación Galicia TB, da que formo parte, tiven a oportunidade de coñecer Cuntis lugar do cal o único que oíra falar era de que tiña un balneario. Sen embargo, e gracias tamén ás informacións de Lorena, a nosa guía, descubrín algunhas cousas que de verdade me chamaron á atención.

A primeira cousa foi unha festa moi peculiar chamada "Belle Epoque". O tema xurdíu a raíz da visita a un bar chamado "Quico" o cal cando entras nel, dá a sensación de que se quedou ancorado no tempo. Entón a guía contounos que dende hai 3 anos, o segundo sábado do mes de setembro, celébrase unha festa conmemorativa dos "felices anos 20" na que os veciños da localidade participan moi activamente. Hai dende paseos en carruaxe, mercados artesanais, actividades de teatro, un xantar con menús "Belle epoque" ata actuacións musicais e unha cea-baile da época onde o baile de medianoite dá por finalizada a festa. É tan importante para eles que cando rematamos a ruta por Cuntis, o mesmo alcalde nos recibeu no concello para amosarnos un vídeo da mesma. A min persoalmente paréceme unha festa moi orixinal e divertida que da pé a que tódolos veciños participen, dunha forma ou doutra. 

Bar Quico
Outra cousa que me gustou moito foi a forma na que alí se celebra a festa de San Xoán: dende fai uns anos esta faise en Castrolandín, asentamento prehistórico de máis de 2.500 anos localizado a 1 km do núcleo urbano (dende aquí podemos disfrutar dunha vista panorámica de todo o val de Cuntis). Neste lugar, recuperouse una vella tradición: no solsticio de verán, a noite do 23 de xuño celébrase acendendo 52 antorchas das que colgan 7 piñas, simbolizando as 52 semanas do ano e os 7 días da semana. Esta tradición constitúe un dos rituais máis máxicos de toda Galicia.

San Xoán en Castrolandín, Fonte: www.berenguela.com
Continuando coa nosa visita guiada, puidemos ver dúas termas pequenas (unha de 59º e outra de 53º) moi cerca do balneario do lugar, o cal presume de ser o maior de toda Galicia. Preto de unha delas, hai un lavadeiro no que fai tempo se podía lavar a roupa en auga ben quente.


E como xa era a hora de comer, dirixímonos a buscar uns amendoados de San Bieito ó mosteiro de San Bieito de Pereira, moi cerquiña do centro. As relixiosas de clausura manteñen a súa receita orixinal dende o século XIX polo cal paréceme unha compra obrigatoria se visitas o lugar. 

E por último, puidemos disfrutar da nosa estancia en Casa A Pedreira nunha paraxe fermosa e tranquila a tan só 2 minutos en coche do centro urbano. Moi recomendable para pasar un fin de semana desconectado do mundo.

Historia dun naufraxio: o "Cabo Razo", Punta do Chazo-Boiro (1958)


Este post está adicado a un naufraxio que tivo lugar unha lúa chea dun luns 4 de agosto de 1958. Moitas foron as mencións e historias que dende pequena oín sobre o "Cabo Razo" sobre todo por parte de miña nai, pero gracias á investigación dunha persoa do lugar, por fin podemos saber que aconteceu realmente aquela noite na que se escoitaban os acordes dos gaiteiros que celebraban a romaría da Virxen de Exipto, en Boiro.
Porto vello de Cabo de Cruz
"Pero non todos estaban na festa; algúns veciños de Cabo da Cruz traballaban a bordo dunha embarcación que faenaba na procura de xurelos á altura da Illa da Bensa, fronte á praia de Carragueiros. A bordo do racú "San Antonio" pescaban dous homes: Manuel Vázquez e Benigno Romero, de 48 e 60 anos respectivamente, acompañados de tres rapaces: José Outeiral (17 anos), Francisco Muñiz (15) e Manuel Vázquez (11).

A xornada era de boa pesca pero pouco se imaxinaban os tripulantes do "San Antonio" o que esa noite lles tiña deparado. De súpeto conmoveunos un grande estrondo. O patrón tranquilizou ós rapaces decíndolles que o ruido correspondía á solta do vapor das caldeiras de algún barco, mais un dos mozos permaneceu atento ós sons que lle parecían moi estranos. De repente pareceulle oír uns lamentos "axuda, axuda por Deus..." Os gritos proviñan do interior da ría, á altura da punta do Chazo, a unhas tres millas deles. Tiraron de inmediato as redes e as capturas ó mar e puxéronse a remar coma poseídos, como se esa distancia en millas non fose nada. 

Inmersos na aventura cara ó descoñecido, vogaron ata quedaren exhaustos.


Cabo Razo
O panorama que atoparon era estremecedor: un gran mercante de 6.000 toneladas e 98 metros de eslora e con corenta e catro persoas a bordo, chocara contra un penedo chamado "A Barsa" situado a uns 500 metros de terra. Todo eran xemidos e lamentos; mentres algúns tripulantes tiraban as madeiras que transportaba o barco coa intención de salvarse agarrados a elas, outros intentaban alcanzar terra nadando. Pero a corrente frustraba o seu intento levándoos mar adentro.

Os mariñeiros coa súa barquiña de seis metros, trataban de izar a bordo a cantos náufragos podían. Os rapaces sacaban forzas e valor aterrados pola escena da que eran testemuñas. O racú estaba a piques de afundirse co peso, pois auxiliaron e salvaron a once persoas. Cando xa non puideron embarcar a máis náufragos, levantaron os ollos e viron cómo o resto dos superviventes se ataban aos madeiros e eran levados pola corrente mar adentro. Xa non lles quedaba máis remedio que ir para o porto e dar a voz de alarma. Sairon en auxilio os barcos "Natividad", "Nosa Señora de Gracia" e "Can da Rabia" e foron quen de rescatalos preto da Illa de Rúa, a unhas seis millas do lugar de afundimento.

Reflotamento do Cabo Razo
Pero os verdadeiros heroes desta historia foron os rapaces do racú que salvaron a vida de dez homes e unha rapaza francesa de 20 anos. Esta rapaza chamábase Anny Tissier e non deixaba de preguntar polas tres amigas do colexio que viaxaban con ela. Ninguén se atrevía a contarlle que desapareceran no remuiño que producíu o barco ao afundirse. Tampouco ninguén era capaz de informar á dona e ó fillo do temoneiro José Mariño (veciño de Boiro) que tamén estaba desaparecido.

Xunto co temoneiro morreron outras doce persoas, algunhas delas veciñas do mar de Arousa. Anny Tissier foi levada de volta a Vilagarcía para retornar máis tarde a Francia. Dende entón, Anny, segue enviando unha tarxeta de agradecemento polo Nadal aos seus salvadores. Cando se afundíu o Prestige nas costas galegas, saíu publicada na prensa a nova de que unha anciá francesa enviara unha importante doazón económica dirixida aos mariñeiros da ría de Arousa. Esa ancía non era outra que Anny.

Pasaron os anos e os nenos do racú buscando traballo, atopáronse cun oficial ao que eles lle salvaran a vida. Este recrutaba mariñeiros para o buque "Monte Palomares". Foron a pedirlle traballo e el denegoullo sen telos recoñecido. Pero en realidade, e sen sabelo, estáballes devolvendo o favor pois o buque afundiuse nese ano nas Azores sen superviventes."