Abuín, a aldea maldita


Antes de nada vos preguntaredes, onde queda Abuín?? Pois é un lugar da parroquia de Leiro, en Rianxo, no cal viven 110 habitantes, dos cales 49 son homes e 61 son mulleres. Aproveitando que chega o Samaín, contareivos de que fala esta lenda, a cal é responsable de que aínda a día de hoxe, a xente non se atreva a pasar por este lugar.

O primeiro asentamento de Abuín, comezou a despoboarse nos séculos XIV-XVI, posiblemente porque morreran a maioría dos seus moradores por causa dalgunha epidemia de peste bubónica. A pesar disto, chegaron ata hoxe distintas lendas que outorgan o abandono de dito emprazamento ós ataques dos viquingos, teoría pouco probable, ou a unha maldición por causa do tesouro que os veciños roubaran no mosteiro da Armenteira e que despois lle deron ó cura para que o escondese. 

Mosteiro de Armenteira - Meis

O cura morreu esa noite e, pouco despois, foron detrás numerosos veciños. Aínda que intentaron recupera-lo tesouro para devolvelo ó mosteiro, e así librarse da maldición, pero nunca máis foi localizado, e os poucos que sobreviviron, decidiron fuxir do lugar. Desta historia procede o nome popular de "Aldea maldita".

Ruinas da aldea maldita
Castelao recolleu esta lenda nunha das súas Cousas, baixo o título de "Camiño esquecido", como unha historia que lle contara a súa avoa. Tamén está inspirada nesta lenda a novela O alento nas costas, de Natalia Carou. Aquí vos deixo un anaco da historia contada polo escritor de Rianxo:


... "Cando volvín á casa escoitei de miña avoa a hestoria da aldea esquecida.
— Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro de Armenteira.

» Agardando o intre do reparto da riqueza, o capitán enterrouna en sitio segredo; mais ó seguinte día o capitán apareceu morto no seu leito e nunca máis se soupo do tesouro.

» Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas, merábanse os froitos, morrían entangarañados os rapaces, secábanse as fontes. Para escorrenta-lo mal fado ergueron cruceiros a eito.


» De nada valeu nada. No remate sóupose todo e aínda hoxe o lugar está illado das xentes de ben".


Quen quere casarse en Compostela?


A época de vodas aínda non rematou e todavía hai parellas que están buscando un lugar para poder casarse no verán do 2016. Moitos de vós tedes unha data na cabeza e outros non, pero o importante é atopar ese lugar que vos convenza e que sexa o esceario do día máis bonito das vosas vidas. En Galicia podemos presumir de que temos rincóns espectaculares nos que celebrar esta ocasión tan especial. Eu contareivos un pouco aqueles que temos en Santiago de Compostela e na súa contorna e que puiden coñecer recentemente. Quero resaltar, que o que escribo aquí a continuación, é a miña opinión persoal.


1. Pazo do Faramello.

Aínda que non está no núcleo de Santiago, este lugar máxico que parece saído dun conto, merece ser incluído neste post. Está situado a tan só 10 km de Compostela no lugar do Faramello, a 15 minutos en coche. Realmente non me esperaba algo así, foi unha sorpresa positiva. A intimidade está garantizada: está agochado nunha frondosa carballeira e ó lado dun río cuxo murmurio é a banda sonora do lugar. O Pazo do Faramello, con máis de tres séculos de historia, foi fundado polo Marqués de Piombino no século XVIII e está atravesado polo Camiño de Santiago Portugués. Todos estes ingredientes fan que o entorno do Pazo sexa perfecto e ideal para unha cerimonia. Ten unha capela pequeniña e cando digo pequeniña, é que como moito caberán 10 persoas (forzando un pouquiño). A vantaxe é que como está consagrada, existe a opción de celebrar unha voda relixiosa. O lugar no que se celebra o convite intégrase moi ben coa natureza do xardín xa que ten muros de vidro o cal xera unha sensación agradable de amplitude e luminosidade. Sen embargo, teño que poñerlle unha pequena pega: a accesibilidade ás veces faise complicada dado a cantidade de escalóns e o musgo existente.


Contacto: Gonzalo Rivero de Aguilar
E-mail: pazofaramello@pazofaramello.com 
Tel.: 675 041 555


2. Finca Trece Pinos.

Descoñecía a existencia deste lugar situado no mesmo Polígono Industrial do Tambre. Moitos pensaredes que o entorno non é dos máis típicos e apropiados para unha finca adicada a este tipo de eventos, pero tamén vos direi que unha vez que entras alí olvídaste do que hai fóra. A organizadora de vodas chámase Marta, unha persoa activa e con moitas ideas que me dou moitos consellos e recomendacións, como por exemplo, onde comprar o vestido de noiva, algo que nos trae de cabeza a moitas mulleres. Ela, pra min, foi un punto forte deste lugar, así coma tamén a existencia dunha piscina onde aliviar as calores dunha noite de verán que sempre ven ben. Por último, a finca posúe un xardín amplo con moitas posibilidades onde podes dar renda solta á túa imaxinación.


Contacto: Marta  Atán  Piñeiro  |  616004047
E-mail: info@fincatrecepinos.es 


3. Pazo de Adrán.

É un dos lugares que máis se recomenda en algunhas publicacións, así que alí me fun. De entrada todo moi ben, nada que obxetar; os responsables de eventos foron moi amables e atentos en todo momento. Sen dúbida se teño que resaltar algo, vai ser onde se celebra o convite. Como podedes ver na seguinte fotografía, o comedor está decorado cun gusto impecable e é, na miña opinión, o mellor que vin dos catro espazos de Santiago que visitei. Sen embargo, por poñerlle unha pega, as vistas son ó parking, o cal lle resta un pouquiño do seu encanto.


Un xardín moi ben coidado no que facer a cerimonia e os pinchos, e unha piscina que sempre se agradece en días calurosos e que lle da un bonito toque ó pazo, como podedes ver a continuación. 


E, a diferencia dos espazos anteriores, aquí vai incluída unha habitación para os recén casados e a posibilidade de aloxamento nuns apartamentos, tanto para a familia, como para os invitados que o desexen.

Contacto: David Camba
Tel. 00 34 981 57 00 00
E-mail: pazo@pazodeadran.com


4. A Quinta da Auga.

Por último, funme á Quinta da Auga, único Hotel Spa Relais & Châteaux de Galicia situado nas aforas de Santiago. Aquí, ó igual que no Pazo de Adrán, tamén vai incluida a habitación para os recén casados e evidentemente, a opción de aloxamento para a familia e invitados. Despois de ver as instalacións, é innegable que o hotel está decorado cun gusto exquisito, o cal é un grande punto a favor. O lugar para celebrar os pinchos é un bosque de bambús no cal se pode oír o murmurio do río ó pasar a carón do mesmo. Moi preto deste, está o lugar no que se fai a cerimonia, o cal persoalmente me pareceu moi bonito e acolledor.



En todo lugar no que se celebran vodas en Galicia, sempre existe unha opción A, é dicir, cando fai bo tempo, e unha opción B, é dicir, cando chove. Os noivos teñen que valorar ámbalas dúas porque xa sabemos que as probabilidades de choiva sempre son altas, e sobre todo en Santiago de Compostela. Se teño que poñerlle algunha pega á Quinta da Auga, é que a opción B para a cerimonia non me pegaba moito co estilo do resto do hotel. É un lugar un tanto "enxebre" dentro dun aloxamento decorado con moita clase.


Contacto: Mar Picado Montaos
eventos@aquintadaauga.com



Nebra, Terra de Mártires


"Nebra saúda ó mar dende os verdes arborizados montes. Os seus ríos coñecen os segredos dos habitantes que poboaron o val dente tempos inmemoriais".

Chegou ás miñas mans un libro sobre Nebra chamado: "Nebra, un lugar por descubrir" cuxo autor é José Suárez Caamaño, a quen pertence o primeiro párrafo do artigo. Un "paxariño" insinuoume se podía escribir algo deste lugar, para min ata agora descoñecido, e como vedes, non puiden dicirlle que non. Así que vos vou falar un pouco deste emprazamento, o cal forma parte da nosa historia, a historia de Galicia.

Santa María de Nebra está situada no concello de Porto do Son a tan so 100 metros sobre o nivel do mar e ocupando, na súa maior parte, terreos de pendente. Conta con 772 habitantes e con praias como a Aguieira, a máis longa de todo o concello e unha das máis frecuentadas da zona.


Sen embargo, esta parroquia sonense, é máis coñecida por un suceso tráxico que tivo lugar fai xa case 100 anos:

O 12 de outubro de 1916, cinco labregos foron abatidos a tiros por axentes da Garda Civil na ponte de Cans, logo dunha mobilización promovida pola Liga Agraria de Nebra contra un imposto que crían inxusto. Son coñecidos como os Mártires de Cans. Os veciños de Nebra acuciados pola fame e fartos de sufir toda clase de vexacións, resistíronse a cumplir cos imperativos da lei escrita. Despóis de dez anos de miseria orixinada pola falta de pesca, uns homes constituidos en administradores comunales, quixeron facerlles pagar os despilfarros cometidos facendo un reparto veciñal do déficit. Os veciños do Son, sabedores de como se administraban os intereses municipales negáronse a facelo.

"Amañeceu o día 12 de outubro do ano 1916. Día nefasto para a historia de Galicia. Pouco a pouco vaise xuntando a xente na ponte de Cans, veñen de todas as parroquias. De súpeto o estoupido dun foguete creba o silencio e ao mesmo tempo síntese o bruído dun corno. É o aviso por todos esperado. Xa falta pouco para que todo remate, para que o demo desenlace a traxedia ...
Ponte de Cans hoxe en día, lugar onde ocorreu este suceso
"De socato un murmurio espallouse polo ar e foi crecendo deica converterse nun alarido estremecedor. É o berro de trescentas gorxas que braman a un tempo todo o desespero por tanto tempo acougado. A Garda Civil camiña pisando forte en columna de dous, diante vai o capitán acompañado de dous tenentes, son máis de trinta que se van a enfrontar aos pobres labregos inertes; camiñan paseniño, mais o fato de aldeáns non recua senón que tamén vai para diante coas mulleres na cabeza. Agora só se escoita: "non se paga o défis non". Á beira do Capitán camiña cheo de medo o axente executivo Francisco Montenegro que ao ouvir os primeiros disparos foxe abandonando o cartapacio cos expedientes na estrada. O Capitán cos tenentes, cando estaba a menos de cen metros da xente, adiantouse e faloulles dicíndolles que se foran que non ía pasar nada, que el non quería mandar facer fogo. Que se foran, mais os paisanos estaban alporizados e contestaron: "¡Non queremos que nos embarguen, váianse!". 

As mulleres escomezaron a camiñar cara a eles, os cales recuaron axiña. Armouse un gran barullo, todos berran, un fato dunhas vinte mulleres sepáranse do resto e avanzan, cegando corpo a corpo cos que recúan pouco a pouco, entre elas vai un mozo que leva un pequeno pao na man, que recibe na cabeza un sablazo que lle dá o tenente, ficando esnaquizado no chan; entre berros e ladrases escomezaron a caer pedras sobre a forza, entón o capitán ordena facer unha descarga ó ar, mais iso non amedrente á xente, a cal tampouco se decata que xa hai feridos entre eles, pois semella que algún garda non fixo caso da orde de tirar ao aar e fíxoo ao vulto; a Garda Civil sigue recuando e o capitán volta a dar orde de que fagan outra descarga ao ar, pero repítese o de denantes e agora son moitos os laios e berros dos feridos que piden auxilio. O sangue enchoupa a estrada; os feridos son moitos, mais de trinta...; a xente detívose e o desconcerto é enorme agora só se escoitan os laios dos feridos, os lamentos dos homes e os choros das mulleres, o drama rematou. Aquela noite non durmiu ningúen na parroquia de Nebra: todo os veciños ían dun velatorio a outros dos dous mortos na Ponte de Cans".



Agora recordaredes Nebra polos seus heroes, estou segura. E a realidade é que o abuso de poder sobre os cidadáns segue estando á orde do día. Dende Galizeando, quero facer unha pequena homenaxe, con este artigo, a este pobo e ás súas xentes.