Lugares para experimentar a autenticidade dunha aldea galega (2)

Pensabades que xa volo contara todo de Imo? Pois a resposta é non. Aínda nos quedan máis cousas que saber deste pequeno curruncho a soamente 36 quilómetros de Santiago de Compostela e que posúe unha riqueza cultural e paisaxística que moita xente descoñece. 

Recordamos que, entre outras cousas, xa falamos de dous grupos de hórreos, un chamado os Hórreos da Lavandeira (BIC) na Eira de Abaixo, e outro grupo na Eira de Arriba que non están restaurados pero que vale a pena visitar sen dúbida. E que situado no cruce de camiños de Teaio, a Devesa e Imo, está o cruceiro máis antigo de toda Galicia datado do ano 1672, chamado a Cruz do Avelán (na foto).


Neste post vouvos a falar das Brañas de Laíño, lugar que tanto eu coma meus irmáns explorabamos cando éramos pequenos xa que tiñamos que atravesalas para chegar ata a beira do río, para poder ver no outro lado como pasaba o tren por Valga. Pois resulta que estas brañas de marea son unha das zonas húmidas máis grandes de toda Galicia e albergan unha riqueza ambiental moi importante, protexida pola Rede natura 2000. Este lugar ten estas características tan peculiares porque está moi preto da desembocadura do río Ulla, e as mareas vivas da Ría de Arousa inundan a ribeira norte do mesmo. Cabe destacar que teñen unha notable variedade de flora e fauna tendo exemplares en perigo de extinción. 


Por último, é de especial mención que a gran poetisa Rosalía de Castro lle adicou unhas palabras no poema "Cómo chove miudiño" da súa obra Cantares Gallegos (1863):

"Como chove miudiño, 
como miudiño chove, 
pola banda de Laíño, 
pola banda de Lestrobe ... "

Podes ver o poema enteiro neste enlace: "Cómo chove miudiño

Para rematar, agora falareivos do Petroglifo de Bouza Abadín. É un grupo de varios gravados rupestres en seis penedos nas faldras do monte Padronelo, a 200 m da aldea. É un conxunto de interese histórico e artístico da Idade de Bronce que dá testemuña das xentes que habitaron nesta zona entre os anos 1800 e 600 a.c. Esta é a estación de arte rupestre máis importante do concello de Dodro. A continuación unha fotografía do mesmo.


Como vedes en Galicia temos pequenos recunchos que non nos deixan de sorprender. Moitas veces non necesitamos saír fóra  porque aínda descoñecemos o que temos aquí.

4 comentarios:

  1. Acabo de atopar a segunda parte! Quero dicirche que me levei unha grandísimas sorpresa con este lugar, teño miles de ganas de exploralo! Moitas gracias por compartilo :D

    ResponderEliminar