Lugares pra ir con bebés. A Alameda de Compostela.

Non é o mesmo moverse con nenos que xa andan por si mesmos, que moverse cun bebé que vai en silla de paseo. Por iso, escribo este post, xa que eu creo que é algo que condiciona bastante á hora de moverse e máis cando se viaxa. 


Esta semana funme co pequecho, que agora ten 1 ano, á Alameda de Compostela. Entre outros motivos, temos que se asemella a un minizoo no cal os máis miudos interactúan con uns cantos patos e cisnes acostumados á xente. E se lles das algo de comer, serán os teus mellores amigos sen dúbida.


Entrando polo paseo da Ferradura,  uns pasos máis adiante, está un dos miradores máis famosos de Santiago, xa que dende el se divisa perfectamente a Catedral e o Centro Histórico. Sentados no banco que está alí para tal fin, puidemos contemplar as espectaculares vistas mentres comíamos uns gusanitos. 



Continuando co noso percorrido, chegamos ao mirador do Campus sur dende o cal un alcanza a ver ata máis alá dos límites da cidade. Un lugar totalmente recomendable para disfrutar dos solpores, por exemplo.


Chegando á Igrexa do Pilar, hai un par de edificacións que gardan unha historia. Ámbalas dúas se fixeron pra a Exposición Rexional Galega de 1909. Ocupaba 30.000 metros cadrados, urbanizou os terreos do que máis tarde sería o Campus Sur. O Pavillón de Recreo Artístico e Industrial (foto da dereita), ten unha historia longa e variopinta: en 1910 montouse nel o cinematógrafo. Proxectáronse películas polo menos ata 1915. Posteriormente pasa a ser propiedade do Concello, que o destina, logo de reformado, a Laboratorio Químico Municipal. Tivo moitos máis usos, que, en parte, desfiguraron a traza inicial de Antonio Palacios. Foi ata cuartel da Falange ata converterse, hoxe, nunha escola infantil.


Preto daquí, atopámonos co palco da música (1896), e xusto ao carón, un banco moi especial: o banco máis famoso da Alameda Compostelán. É o coñecido coma "banco acústico", "banco sonoro", ou "banco dos namorados" (1916). O seu deseño e especial ubicación, así coma a orientación, facilítanlle a curiosa propiedade de transmitir moi ben o son dun extremo ao outro. E se non comprobádeo por vos mesmos, a verdade é que hasta custa crer o ben que se escoita.

Un pouco da historia de Compostela que vemos a diario mentres paseamos pola cidade, pero que moitas veces nin coñecemos.

0 comments:

Publicar un comentario