Galicia, terra de Oliveiras

A oliveira era unha árbore que, tempo atrás, era abundante en Galicia. As súas orixes remóntanse á época dos romanos, que o introduxeron na Ribeira Sacra e logo ao resto da Comunidade. Foi cos Reis Católicos, no século XV, cando se fixou un imposto de catro reais por oliveira, motivo que os condenou á tala e á súa case total desaparición da paisaxe galega. 


Existen varias teorías que deron lugar a este feito:

- Que os impostos os subeu o Conde de Olivares empeñado en beneficiar os seus territorios nas inmediacións de Sevilla. 

- Que foron os Reis Católicos os que mandaron cortar todas as oliveiras pra construír os barcos da Armada Invencible.

- Que os Reis Católicos, en vinganza polos acontecementos Irmandiños dentro do que se coñece como "Doma e castración de Galicia", gravaron fiscalmente as oliveiras pra beneficiar a repoboación dos territorios conquistados no sur peninsular.   

Soamente sobreviviron en lugares recónditos da Ribeira Sacra e nas serras, donde escaparon do control da Facenda Pública. Lugares coma Quiroga,  conseguiron manter os seus olivos e, a día de hoxe, continúan organizando a Feira do Aceite que ano tras ano reúne aos produtores e a moitos consumidores que veñen do resto de Galicia, e de España". Esta coñécese co nome de "Feira do Aceite de Bendilló"; nada no ano 2000, nela elabórase aceite puro de oliva nun muíño de aceite restaurado.


As oliveiras tamén se mantiveron nas proximidades dos templos, porque a Igrexa foi exonerada do pago do imposto, debido a que o aceite empregábase na elaboración dos santos óleos.

As oliveiras galegas máis antigas, están en Arbo e datan de 1796. Son unha variedade autóctona que procesa aceite de alta gama. O exemplar galego, é diferente do de outras latitudes: o daquí precisa moita auga, non coma o andaluz. É máis pequeno, de tronco menos groso e froito pequeno.

Fonte: Diario de Pontevedra
Cinco séculos despois, os olivares volven con forza a ocupar o seu lugar no campo galego. A empresa Abril, dedicada ó envasado de aceite andaluz, e a Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia, promoveron a recuperación do cultivo da oliveira en Galicia, concretamente na zona da Estrada, como forma de aproveitamento de superficies agrícolas abandonadas. O obxectivo é a produción dun aceite ecolóxico elaborado integramente a partir de olivas galegas.

A modo de curiosidade, as oliveiras galegas son unha variedade específica non catalogada no banco de xermoplasma das 242 variedades da Universidade de Córdoba.

Como posible consecuencia daquela presenza das oliveiras en Galicia, está a abundante toponimia derivada: Oliveira é nome de lugares da Arnoia e Poio e parroquia de Ponteareas; A Oliveira é nome de lugares de Corcubión, Gondomar, Ponteareas e Vigo. Tamén Olveira, lugar de Teo e parroquias de Dumbría e Ribeira; A Ponte Olveira é lugar de Mazaricos; e O Alto de Olveira é un lugar de Porto do Son. Olives é nome dunha parroquia da Estrada. En Ribadavia existe unha igrexa do século XII denominada de Santa María de Oliveira

Lugares coma Vigo, teñen unha oliveira no seu escudo. É coñecida coma a cidade olívica porque antigamente, este territorio estaba cheo destas árbores. Fai xa 2.000 anos, en terrenos da cidade, coma a zona de Teis, descubríronse ruínas de instalacións da época para a fabricación de aceite.

Á parte disto, a oliveira está presente en toda Galicia mediante exemplares soltos que medran xunto ás igrexas e algunhas casas nobres. Entres estes, destacan tres exemplares clasificados como árbores senlleiras de Galicia:

A oliveira do Paseo de Alfonso XII, en Vigo (Pontevedra).
As oliveiras do cemiterio de Adina, en Padrón (A Coruña).
A retícula de oliveiras do Pazo de Santa Cruz, en Vedra (A Coruña).

Oliveira en Vigo, no paseo de Alfonso XII

En Compostela tamén temos o noso exemplar de oliveira. Está no casco histórico e, curiosamente, atópase na praza da Oliveira á que se chega por unha ruela que leva o mesmo nome.



1 comentario:

  1. Me ha encantado porque he podido leer un montón de cosas que no sabía... Un saludo.

    ResponderEliminar