Nebra, Terra de Mártires


"Nebra saúda ó mar dende os verdes arborizados montes. Os seus ríos coñecen os segredos dos habitantes que poboaron o val dente tempos inmemoriais".

Chegou ás miñas mans un libro sobre Nebra chamado: "Nebra, un lugar por descubrir" cuxo autor é José Suárez Caamaño, a quen pertence o primeiro párrafo do artigo. Un "paxariño" insinuoume se podía escribir algo deste lugar, para min ata agora descoñecido, e como vedes, non puiden dicirlle que non. Así que vos vou falar un pouco deste emprazamento, o cal forma parte da nosa historia, a historia de Galicia.

Santa María de Nebra está situada no concello de Porto do Son a tan so 100 metros sobre o nivel do mar e ocupando, na súa maior parte, terreos de pendente. Conta con 772 habitantes e con praias como a Aguieira, a máis longa de todo o concello e unha das máis frecuentadas da zona.


Sen embargo, esta parroquia sonense, é máis coñecida por un suceso tráxico que tivo lugar fai xa case 100 anos:

O 12 de outubro de 1916, cinco labregos foron abatidos a tiros por axentes da Garda Civil na ponte de Cans, logo dunha mobilización promovida pola Liga Agraria de Nebra contra un imposto que crían inxusto. Son coñecidos como os Mártires de Cans. Os veciños de Nebra acuciados pola fame e fartos de sufir toda clase de vexacións, resistíronse a cumplir cos imperativos da lei escrita. Despóis de dez anos de miseria orixinada pola falta de pesca, uns homes constituidos en administradores comunales, quixeron facerlles pagar os despilfarros cometidos facendo un reparto veciñal do déficit. Os veciños do Son, sabedores de como se administraban os intereses municipales negáronse a facelo.

"Amañeceu o día 12 de outubro do ano 1916. Día nefasto para a historia de Galicia. Pouco a pouco vaise xuntando a xente na ponte de Cans, veñen de todas as parroquias. De súpeto o estoupido dun foguete creba o silencio e ao mesmo tempo síntese o bruído dun corno. É o aviso por todos esperado. Xa falta pouco para que todo remate, para que o demo desenlace a traxedia ...
Ponte de Cans hoxe en día, lugar onde ocorreu este suceso
"De socato un murmurio espallouse polo ar e foi crecendo deica converterse nun alarido estremecedor. É o berro de trescentas gorxas que braman a un tempo todo o desespero por tanto tempo acougado. A Garda Civil camiña pisando forte en columna de dous, diante vai o capitán acompañado de dous tenentes, son máis de trinta que se van a enfrontar aos pobres labregos inertes; camiñan paseniño, mais o fato de aldeáns non recua senón que tamén vai para diante coas mulleres na cabeza. Agora só se escoita: "non se paga o défis non". Á beira do Capitán camiña cheo de medo o axente executivo Francisco Montenegro que ao ouvir os primeiros disparos foxe abandonando o cartapacio cos expedientes na estrada. O Capitán cos tenentes, cando estaba a menos de cen metros da xente, adiantouse e faloulles dicíndolles que se foran que non ía pasar nada, que el non quería mandar facer fogo. Que se foran, mais os paisanos estaban alporizados e contestaron: "¡Non queremos que nos embarguen, váianse!". 

As mulleres escomezaron a camiñar cara a eles, os cales recuaron axiña. Armouse un gran barullo, todos berran, un fato dunhas vinte mulleres sepáranse do resto e avanzan, cegando corpo a corpo cos que recúan pouco a pouco, entre elas vai un mozo que leva un pequeno pao na man, que recibe na cabeza un sablazo que lle dá o tenente, ficando esnaquizado no chan; entre berros e ladrases escomezaron a caer pedras sobre a forza, entón o capitán ordena facer unha descarga ó ar, mais iso non amedrente á xente, a cal tampouco se decata que xa hai feridos entre eles, pois semella que algún garda non fixo caso da orde de tirar ao aar e fíxoo ao vulto; a Garda Civil sigue recuando e o capitán volta a dar orde de que fagan outra descarga ao ar, pero repítese o de denantes e agora son moitos os laios e berros dos feridos que piden auxilio. O sangue enchoupa a estrada; os feridos son moitos, mais de trinta...; a xente detívose e o desconcerto é enorme agora só se escoitan os laios dos feridos, os lamentos dos homes e os choros das mulleres, o drama rematou. Aquela noite non durmiu ningúen na parroquia de Nebra: todo os veciños ían dun velatorio a outros dos dous mortos na Ponte de Cans".



Agora recordaredes Nebra polos seus heroes, estou segura. E a realidade é que o abuso de poder sobre os cidadáns segue estando á orde do día. Dende Galizeando, quero facer unha pequena homenaxe, con este artigo, a este pobo e ás súas xentes.


4 comentarios:

  1. Felicito tu labor tan completa lo mires desde el punto que lo mires, muchas gracias por compartir y tu esfuerzo.

    tRamos

    ResponderEliminar
  2. Grazas por dar a coñecer este anaco da historia de Nebra. Anualmente veciños e familiares da vítimas facemos unha pequena ofrenda floral recordando este feitos, cada 12 de outubro.

    16ª homenaxe: Ponte de Cans, luns 12 de outubro
    - 6 do serán, misa en lembranza das vítimas.
    - 7 do serán, ofrenda floral ao pé do monólito.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. Un pracer!! A historia de Galicia debe chegar á xente e Nebra forma parte dela.

    ResponderEliminar